A EDUCACIÓN UN PARAUGUAS FRONTE A VIOLENCIA MACHISTA

Logo do traballo realizado nas titorías polo alumnado de Secundaria unímonos á campaña #EnNegroContraAsViolencias

O pasado 25 de novembro celebrouse o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Na ESO vimos xa dedicando varias sesións de titoría a este tema e, como colofón a todo e ese traballo de reflexión e debate, participamos onte no acto contra a violencia de xénero organizado polo Concello no que puxemos en valor a Educación como arma para loitar contra este grave problema social.

Aquí vos deixamos o texto íntegro do manifesto lido onte diante do Concello polo noso alumnado.

"Os alumnos da Compañía de María estamos aquí, outro ano máis, para expresar o noso rexeitamento  á violencia machista, esta lacra social que constitúe a forma de violencia máis deplorable que existe: aquela que se dá no ámbito familiar e que é exercida pola  persoa que comparte a  túa vida e debería brindarche apoio e amosar  respecto cara a ti.

Desde o ámbito educativo pretendemos ser un parauguas que sirva de acubillo e refuxio para todas aquelas persoas que estean sufrindo esta violencia e educamos ós futuros cidadáns en valores que impedirán que estes feitos continúen nun futuro próximo.

Polo tanto hoxe amosamos en público  a nosa repulsa ante feitos que son inxustificables desde todo punto de vista na nosa civilización e na nosa época, e estamos seguros de que só cunha educación na igualdade e o respecto , poderemos cambiar este presente negro por un futuro de esperanza no que non exista a violencia".