Historia do Colexio

 

En setembro de 1925 ábrese en Cangas o Colexio Compañía de María como escola privada e de carácter gratuito. Fundada por monxas procedentes de Santander inaugúrase por petición de ex-alumnas do Colexio de Vigo. Sitúase no lugar de Cimadevila, na casa chamada “A Gloria”.

Nos seus comezos impártense clases de Educación Primaria, Cultura Xeral, piano, corte,etc. Co paso dos anos van aparecendo novas necesidades e, fieis ao espíritu de Santa Xoana de Lestonnac, o colexio vai experimentando a adaptación e a integración constante na sociedade sen perder o seu carácter propio.

En 1964, o Centro, xa como colexio subvencionado, pasa a ser Filial do Instituto Feminino de Vigo para que as rapazas da zona: Cangas, Moaña, Bueu, Aldán…, poidan estudar Bacharelato sen ter que desprazarse a Vigo.

Neste anos existe no centro a Escola Nocturna, chamada máis tarde Educación  Permanente de Adultos, que deixa de funcionar en 1990 por non crer necesario este servizo.

En 1968/1969 comeza a funcionar a Asociación de Pais de Alumnas, orientada e animada pola que xa existe no colexio de Vigo.

En Nadal de 1975 nace a Coral Lestonnac formada, na súa orixe, por pais de alumnas e hoxe con vida independente pero arraigada no Colexio.

Posto que en educación sempre hai que estar atentos ás necesidades do entorno, no curso 1978/1979 comeza a ensinanza mixta dada a alta demanda de solicitudes para nenos por parte dos pais e nais que xa tiñan ás súas fillas escolarizadas no centro.

No ano 1990, solicítase á Xunta de Galicia a concesión dun Aula de Educación Especial na que atender a nenos con necesidades educativas especiais. En marzo dese mesmo ano  concédesenos ser Centro de Integración polo que pasamos a ser o único centro da comarca  cun aula específica de Educación Especial, convertíndonos así nun referente na zona.

Actualmente somos un centro no que se cursa Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial.