Saúdo da Directora

En nome de todos os que compoñemos o colexio Plurilingüe Compañía de María de Cangas, quero darvos a benvida a esta web. Se non pertencedes á nosa comunidade educativa, espero que vos sirva para introducirvos no noso colexio e coñecer mellor a nosa Misión, Visión e Valores.

O Colexio Plurilingüe  Compañía de María de Cangas, naceu en 1925 como resposta ás necesidades educativas da comarca do Morrazo. As mozas daquela época foron educadas seguindo os principios da fundadora da orde, Xoana de Lestonnac.

Desde ese ano, o noso centro segue mantendo vivas as ideas da súa fundadora, adaptándose sempre ás necesidades do seu alumnado “acompañando, integrando e facendo medrar” a alumnos de distintas capacidades e con distintos obxectivos académicos.

Traballamos  para que os nosos alumnos crezan nun ambiente de seguridade, respecto e ledicia . Ofrecémoslles saídas culturais, actividades extra-escolares, grupos de crecemento persoal, actividades de pastoral e Interioridade, para acadar o seu desenvolvemento como persoas  responsables , solidarias e críticas.

 

Contamos cun grupo de profesores composto por profesionais en aprendizaxe constante que, coa súa experiencia,  cualificación, compromiso e dispoñibilidade, educan desde a proximidade e motivación aos alumnos, acompañando todo o seu proceso formativo

Somos un centro en constante innovación educativa que introduce  na súa práctica diaria, ferramentas axeitadas á educación do século XXI, como as  novas tecnoloxías e o traballo cooperativo .

O noso proxecto educativo é un proxecto compartido. Contamos  coas familias e a súa participación activa no proceso de aprendizaxe, xa que elas constitúen un dos piares básicos para o desenvolvemento do alumno. 

 Para rematar, agardo que tanto estas liñas como a visita a nosa web vos axuden a percibir o entusiasmo do noso centro e a diversidade de xentes, programas e oportunidades xunto cunha visión global da nosa comunidade educativa.

Un cordial saúdo e benvidos ó noso Colexio.

 A Directora Titular