Grupos Lestonnac

Os Grupos Lestonnac son grupos cristiáns de participación voluntaria, dentro do ámbito extraescolar,  que se ofertan nos centros Educativos da Compañía de María,  desde 4º ó 5º de Educación Primaria ata Bacharelato. Pretenden, desde o Proxecto Educativo e a Espiritualidade da Compañía de María, axudar aos nenos/as, adolescentes e mocidade a atopar o sentido da súa vida en Xesús e nos valores do Evanxeo, ofrecéndolles alternativas que contribúan ao crecemento da súa Fe, á elección de vida e á inserción na comunidade eclesial e a participar na sociedade

O grupo é o principal medio pedagóxico para aprender a convivir, a relacionarse, a traballar en equipo, a proxectar futuro e comprometerse con outros nun servizo común na sociedade e na Igrexa, sempre acompañados por uns animadores que facilitan, a través do seu testemuño e o seu saber facer, que isto sexa posible.

 

 

A  opción educativa dos Grupos Lestonnac céntrase en:

  • A PERSOA: Centro de toda a acción educativa, contribuíndo ao desenvolvemento de todas as súas capacidades por medio dunha educación integral e integradora.
  • O GRUPO: Unha educación que se fai con outros desde unha vivencia conxunta e complementaria, potenciando a participación, o diálogo, a acollida, o traballo en equipo, a cooperación e a corresponsabilidade.
  • O ACOMPAÑAMENTOá persoa no crecemento persoal, na apertura á transcendencia e posterior camiño da fe, desde o respecto á liberdade persoal.
  • O TEMPO LIBRE: Unha educación que vai máis aló da aula, do académico, buscando outros espazos e tempos educativos que favorezan a educación integral.
  • A SOLIDARIEDADE, RESPONSABILIDADE SOCIAL E O DESENVOLVEMENTO: que  leve aos participantes a implicarse na construción dun mundo máis xusto e mellor para todos e coidando o planeta.

Pretendemos que  os Grupos Lestonnac non sexan o final dunha etapa de crecemento, senón a base de posteriores compromisos dos rapaces/as, tanto a nivel social como dentro da Compañía de María e da Igrexa, dando diferentes opcións de voluntariado ou ofertas de crecemento na fe.

Dicir Grupos Lestonnac no Colexio da Cangas, é dicir Compañía de María.

Os nosos Grupos están involucrados na vida escolar, no día a día da Pastoral e forman parte da estrutura organizativa ao longo de todo o curso.

O noso labor vai máis aló dun mero entretemento ou unha actividade extraescolar. Somos conscientes das necesidades da sociedade actual e tentamos ser referente e acompañar aos nosos nenos e nenas  potenciando que sexan eles mesmos. Cremos que é de vital importancia que teñan a certeza de que serán benvidos sexan como sexan, porque, por encima de todo, para nós, está a persoa, as súas inquedanzas, as súas fortalezas e as súas debilidades e albergamos o total convencemento de que a única maneira de acompañar é deixar vivir en liberdade.

Os momentos que pasamos con eles bríndannos a oportunidade de coñecelos mellor, de ver cales son as súas calidades fora do contexto escolar e axúdannos coa súa mirada de nenos a crecer, devolvéndolle frescura ás nosas perspectivas e lembrándonos a realidade de que todo é posible e de que xuntos podemos conseguir mais que por separado.

 Comezamos cos Grupos Lestonnac a partir de 5º de E. Primaria. 

 A través de actividades lúdicas e creativas tentamos:

- Motivar para que os nosos alumnos e alumnas adquiran compromisos coa sociedade que nos rodea.

- Potenciar que participen activamente na vida do colexio.

Reflexionamos sobre o que nos preocupa, facemos oración, convivencias... e sentíndonos cada vez máis en confianza os uns cos outros.

Tamén lles ofrecemos a posibilidade de coñecer a alumnos e alumnas de outros colexios da Compañía de María de Galicia e para iso realizamos Convivencias todos xuntos.

O custo da actividade é de 10 euros anuais.

As sesións son quincenais; os luns de 16:45h a 17:30h para os  de 5º e 6º  Educación Primaria, e de 17:15h a 18h para os da ESO

Neste momento temos un total de 70 nenos e nenas en Grupos Lestonnac e vemos que ano a ano ese número vai crecendo. Iso dános esperanza e afiánzanos en que o que facemos ten un sentido e está a calar nos nosos alumnos e profesores. Sentímosnos portadoras dunha chama que non ten intención de apagarse.